Páginas

Blogues de Melgaço

quarta-feira, 24 de setembro de 2014

Castro Laboreiro, 1937 - Os dias de um galego fugido à Guerra Civil Espanhola

Castro Laboreiro, noutro tempo

Recuamos ao período da Guerra Civil Espanhola onde muitos galegos atravessaram a fronteira e vieram refugiar-se em terras de Castro Laboreiro ou noutras terras raianas do nosso país. Um deles foi Bieito Fernandez que partilhou as memórias dos dias que passou em terras castrejas...

"31 DE MARZO DE 1937
Ás 04:45 da madrugada saio de Silvares de Grou (Lobios) na compaña do meu guía. No traxecto ata S. Bieito de Agreixoá falamos do que se lle ha de dicer aos carabineiros españois, no caso de termos a má sorte de non poder evitar o atoparnos con eles. Ó chegar a Beirreaus (Entrimo) empeza a clarexar o dia e os paxariños cantan alleos aos nossos medos. Ouvimos unha voz humana que axiña recoñecemos ser a dun home que vai co gando.
O meu acompañante, que é un home destemido máis ao mesmo tempo prudente, non para de ollar en todas as direccións, a fin de poder descubrir os “requetés” que fan garda na fronteira, e ocultarnos ou fuxir, a poder ser felizmente. E a pesares de que vimos moitas pegadas de zapatos e chancas na dirección na que nós iamos e na oposta, non nos encontramos con tan indesexados tipos.
Ás 08:30 chegamos ás Cainheiras (Castro Laboreiro) despois dunha afortunada viaxe na que o bó tempo foi un factor moi importante. Non ben chegamos, unha mulleriña veu avisarnos que nos ocultasemos onde pudiésemos porque viñan os guardiñas portugueses en dirección a nós; inmediatamente botamos a correr de cara a unhas corgas onde estivemos ocultos unhas tres horas. Antes de eu sair do meu escondite, onde papei bo frio e bo medo, o meu guía, que é portugués, foi ver ó pobo se xa desaparecera o perigo.
Mentres tanto, sempre tratando de me ocultar, falei cun home que me dixo que non estaba seguro de se xa marchara a guarda fiscal, que contra todo dereito detiña e entregaba todos os escapados galegos ás autoridades españolas. Cando nos aseguramos de que desaparecera o perigo, pasamos a Bico, onde nos xuntamos cun conveciño meu. Despídome do meu guia e fico, quen sabe por canto tempo, na patria de Luis de Camoes.
Pasada a media tarde ouvimos no camiño un gran revoltallo, a causa da persecución polos guardiñas, dun galego chamado o de Xunqueira, por ser nativo dese pobo. O meu compañeiro e conveciño e máis eu que estamos na casa dunha moi boa muller chamada Tía Enes, vímonos obrigados a subir a unha colmaza (recuberta con colmos no canto de tellas) onde o frío nos fixo bater dente con dente. E perseguiron a aquil pobre home para darlle caza e entregalo ás autoridades, producindo este suceso un desgosto xeral, non só entre os galegos, senón tamén entre a poboación castrexa (do Castro Laboreiro).
Unha cousa que me conmoveu xa no primeiro intre, foi o celo e a rapidez destas mulleres para avisar ós refuxiados en canto se percataban da pesencia dos gardas. ¿Procedería o pobo galego do mesmo xeito se os portugueses se visen en iguais circunstancias ca nós?. En Castro Laboreiro, de cada cen habitantes oitenta son mulleres, pois os homes emigran en masa.
Ás 11 voume deitar na tan desacreditada cama portuguesa que a min, despois de tantas fatigas do día, pareceume millor cá da miña casa; coido que os reis de francia no paso das Tullerías nunca durmiron tan ben coma min esa noite, nunha pobre cama de palla , sen xergón e sen sábanas.

1 DE ABRIL DE 1937
Paso o día na casa, sen poder botar o pé fóra, por medo á garda fiscal. Quixera ter algún libro para empor o tempo, mais considero pouco menos que imposible o conseguilo neste pobo, onde hai apenas un 10% de xente que saiba ler.
Que ben para Portugal e para a humanidade enteira que o diñeiro que o goberno portugués malgasta na revolución española non o empregue en levar a cultura a istes tristes pobos, onde non hai un médico que cure, nin un mestre que instrúa!... E non digamos das outras tantas cousas necesarias para a vida dos pobos. As estafeta de Correos máis cercana está a 5 quilómetros, e a estrada, a 20. Para os asuntos xudiciais e administrativos, teñen que andar outros 20.
Arredor de mediodia, soubemos que o de Xunqueira conseguira escapar das unllas dos guardiñas, noticia que encheu de ledicia a todo o mundo.

2 DE ABRIL DE 1937
Sen novidade, salvo os comentarios retranqueiros que se fan encol da fuga do de Xunqueira. Pola contra laméntase a detención de Manuel Carballo, levada a cabo o 28 de marzo pasado. O meu compañeiro de desterro é o que se encarga de cociñar e arranxar os mantimentos, ovos sobre todo, que é o que máis consumimos.

3 DE ABRIL DE 1937
Termina o éxodo iniciado xa fai días, das inverneiras para as brandas (as inverneiras é onde os castrexos pasan o inverno e nas brandas, o verán) e naturalmente, tamén nós temos que nos mudar para un lugar chamado Seara, despois de comer un suculento xantar en Biço. Pasamos esa a noite nunha casa en ruinas onde non sei se ofrecía máis perigo o sobrado medio podre, ou o teito que ameazaba caer por riba de nós. Cando espertei á mañá, tiña os ósos moídos e a cabeza mollada, mais ¿qué importan os meus sofrimentos comparados cos dos meus irmaos galegos alá nas trincherias cheas de neve, e os corpos trasfrados pola fame e pola metralla?... ¿E o sofrimento moral de ter que andar defendendo os anacos de terras que pisotean e negan o dereito da nación galega a ser un pobo libre e soberano?...

4 DE ABRIL DE 1937
A fin de estar máis seguros, mudámonos de pousada e agora estamos na casa dunha santa muller chamada Ana Portas. Paso o día coñecendo novos refuxiados e fuxidos da guerra. Chove a máis non poder. Conseguimos durmir nunha excelente cama que nos fai esquecer a mala dormida da noite anterior.

5 DE ABRIL DE 1937
O mal tempo obríganos a pasar o día á beira do lume. Á noite celébrase na casa en que habitamos un chamado danzo (baile), no que vexo fermosas raparigas, de sonrosadas meixelas, que só coñecen os pós de arroz e o carmin polo nome.
Un nacionalista ten de ser por forza un admirador da tradición, por iso eu admiro extasiado como Portugal conserva as súas danzas tradicionais. De todas as danzas que vin esta noite – todas moi lindas- a que máis me gostou foi unha que tiña certa semellanza coa nosa redondiña. Bailouse ó son dun acordeón, que os portugueses saben tocar tan ben. Os do Norte prefiren o acordeón, mentres que os do centro e o Sur prefiren a guitarra. O meu compañeiro bailou todo o que estaba ó seu alcance, a min faltábame a disposición de ánimo necesaria para esas cousas.

6 DE ABRIL DE 1937
Pasamos moito tempo xogando á brisca, pero nunca se xogan os cartos. Tamén me chama a atención que nunca se escoitan maldecires nin palabras obscenas.

7 DE ABRIL DE 1937
Siguen chegando fuxitivos dos remprazos de 1930, 29, 28 e 27. Por algúns deles infórmome que polo momento só son chamados os do 2º semestre do corpo a filas do 80, non sendo eu polo tanto comprendido neste chamamento. En consecuencia, decido volver a casa e ver se fun ou non chamado. Ó fin parou de chover aunque sigue a facer frio. Días atrás circulou o rumor de que o alférez de aviación Elixio Rodríguez, de Bande, directo amigo meu e afervoado galeguista se pasara co seu aparello ó bando republicano. Tal nova encheunos de ledicia e fago votos para que sexa plenamente confirmada.

8 DE ABRIL DE 1937
Preséntase un día de sol que é unha regalía. Érgome máis cedo ca de costume para aproveitar a raeira, pois desque cheguei aquí é o primeiro día de sol. Comunícolle ó meu compañeiro o proxecto de ir á casa, que il ve con des agrado por temor a que me deteñan na fronteira ou me collan na casa.
Ás 5 da tarde parto da Seara cara Galiza e veñénme acompañar ata a fronteira dous conveciños: Pepe do Reguengo e Pepe das Terradas. Outros amigos non cesan de me recomendar prudencia e ollo guicho para non me deixar atrapar polos gardas portugueses, nin polos carabineiros ou requetés españois. Separámonos con bágoas nos ollos e empreendendo eu só o retorno á Patria. Paso os primeiros três dias na casa sen apenas sair á rúa, lembrando con fonda saudade á sinxela e garimosa xente de Castro Laboreiro, que nos poucos días de convivencia com ela, me obrigou a un eterno e fraternal recoñecemento.
Alíngua que se fala alí é un intermedio de galego e portugués predominando aquel sobre iste. Os habitantes de Castro viven máis que pobremente, pois debido á gran altura que están sobre o nível do mar, vese unha grande parte do ano asulagados de neve, imposibilitando cáseque toda clase de cultivos, agás o centeo e as patacas, que durante o inverno conservan enterrados nun sitio alto onde poidan escorrer as augas e as neves. Os cultivos hortícolas, escasamente berzas e allos. Durante os días que alí botei tratei varios extremistas rabudos con quen discutín sobre relixión, moral, política e sobre a liberdade dos pobos oprimidos. En materia de relixión, había na maioría dos casos unha intolerancia e un fanatismo propio dos membros do tribunal da inquisición. Con respecto á liberdade dos pobos asoballados, como Galiza, hai de todo, mais algúns podían subscribir o punto dous do fascismo español que di: “ Todo separatismo es un crimen que no perdonamos”.
E eu, que anceio para Galiza unha plena liberdade, non podo estar dacordo con istes esquerdistas (comunistas) que coñecen moi ben os problemas de Rusia e ignoran totalmente os de Galiza, e incluso menosprecian a súa lingua."

Rematado en Grou, Lobios o dia 12 de abril de 1937.
BIEITO FERNÁNDEZ


Bieito Fernandez

Texto extraído de:
- FERNANDEZ, Bieito (2005) - Diário e Biografia de um fuxido galego. in: Arraianos 3; Primavera 2005, Associación Arraianos.

1 comentário:

  1. Essa narrativa diario de Bieito Fernandez,de Alta qualidade e interesse que remonta quase 80 anos,conclua perfectamente o blog postado em minha mae Eudozia Diz - 2015/03/29 para su estado heroica de 24 meses entre brandas é inverneiras / CAstro - Laboreiro ( Melgaco) 1936 -1938. " lembrando. Con fonda saudade a sinxela e garimosa xente de Castro Laboreiro,que nos dias de convivencia com ela ,nos obrigou a un eterno é fraternel reconhocemento ". Paul Feron. PERPIGNAN ( france)

    ResponderEliminar