Em Castro Laboreiro, a Ponte Velha
"Nos primeiros días de decembro de 1936 o
tenente de infantería Fernando José Lopes destina un grupo de homes ós postos
da serra e a Ribeiro de Abaixo para averiguar sobre a “capitana dos refuxiados españois”
daquela poboación, a devandita Rosa Alves. Nos dous Ribeiros, de Cima e de
Baixo, lugares fixos, lévase tempo
notando a presión policial. A PVDE captura a
Rosa Alves “A Africana” o 26 de outubro de 1937, moi popular no
val de Pereira e con familia na aldea arraiana galega de Olelas, fronte do lugar
fixo da Várzea. A comunicación secular entre os dous Ribeiros e as
aldeas entrimeñas de Bouzadrago e Pereira tiñan fomentado a creación de
roteiros vinculados ó contrabando, empregados polos familiares dos escapados para
abastecelos de comida e roupa, evitando ser controlados polos carabineiros
españois ou pola garda fiscal portuguesa. En Lamas de Mouro a policía ten
constancia tamén da presencia de refuxiados antifranquistas. Algúns deles optan
por vestir elegantemente porque lles permite alixeirar certa presión das forzas
represivas, aínda que prefiren ir armados por se se ven na obriga de
defenderse. Na branda de Seara, doutro lado da Pena de Anamán,
hai varios refuxiados espanhois, entre eles Manuel Fernández González “O Curto”,
acollido na casa da súa amante. Sospeitando da presión das forzas represivas,
pernocta nunhas fragas próximas. Algúns habitantes destas serras son
reincidentes en agachar refuxiados españois na serra, polo que se ven sometidos
frecuentemente a rexistros nas súas vivendas. Nesa mesma branda está agachada
unha familia enteira. Como todos, esperan documentación para internarse ó
centro do país, pero resúltalles complexo porque Eudosia Lorenzo Diz, de
vintecinco anos, quen antes do golpe militar era mestra en San Ginés no concello
limítrofe de Lobeira, ten un fillo. Para non levantar sospeitas viste o traxe
típico de castrexa.
Ademais, móvese cos seus pais: Agustín
Lorenzo, un home de cincuenta anos, que sofre as inclemencias dunha hernia, e
Basilisa Diz, cinco anos máis nova e que ten un sinal
característico na faciana. Outras testemuñas, conseguidas pola policía tras
interrogar
os veciños, sitúaos na inverneira de
Entalada ou na branda de Rodeiro; outras din que están nos lugares
fixos dos Ribeiro, quizais na inverneira de Alagoa ou nas
brandas dos Portos. En realidade, ó integrarse coa poboación local acompáñanos
nas súas migracións anuais, e as veces, ante a abafante presión policial e dos
confidentes, saltan a algunha aldea galega, como Cabanelas, onde tamén
consiguen acocho.
No labor de control da fronteira, a Garda
Fiscal de Melgaço e Ponte da Barca encárganse de reforzar os postos da Peneda e
Ameijoeira para evitar que os refuxiados na serra da Peneda cruzen a fronteira
ou escapen para o sur. Saben que se esconden en cavernas e o aumento no número
obrígalles a realizar expedicións periódicas moitas delas pola noite para
empregar o factor sorpresa.
Vista a temperá interrelación entre
contrabandistas e refuxiados españois, a policía portuguesa preocupouse da
represión violenta dos primeiros para evitar que os segundos andivesen libremente
polo monte e puidesen internarse en Portugal, esixindo ós comandantes dos
carabineiros e os seus subordinados que disparasen contra os individuos que
intentasen atravesar a fronteira.
Algúns refuxiados acabaron coñecendo
perfectamente as rutas alternativas pola fronteira, ían armados sempre con
carácter defensivo e nalgún casos cometeron actos de represalia de tipo económico
que lles levou a misturarse coas redes de contrabandistas, que terminaron por
percatarse do valor estratéxico dun continxente moi elevado para a importancia
socio-económica que adquiriu daquela o contrabando. Esas dúas redes de tránsito
pola fronteira obrigou, por tanto, a extrema a vixilancia da mesma."
:::::::::: FIM :::::::::
Para ler a parte 1 deste texto clique em
Texto extraído de:
A represion
franquista en Galicia. Actas
dos traballos presentados ao Congreso da Memoria; Narón, 4 a 7 de decembro de
2003; Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática.
orgullo de portugal para os galegos da fronteira
ResponderEliminarorgullo de portugal para os galegos da fronteira
ResponderEliminar